25/02/14

Bágoa de Lúa no club de lectura do CPI Progreso (Catoira)

Foto tirada do blog do club de lectura


O outro día recibín, tras un contacto por Twitter, un correo do club de lectura do CPI Progreso, de Catoira. Os rapaces e rapazas do club estiveron lendo Bágoa de Lúa e tiñan algunhas preguntas que facer.

Aquí vos deixo as respostas que lles din. 

Grazas ao club de lectura do CPI Progreso (pasádevos polo seu blog!) polas súas preguntas!






1.- Como se che ocorreu esta historia?

A historia de Berenguela e Güenaela saíu dun conto pequeno que se me ocorreu hai máis de dez anos. Imaxinei (ás veces as ideas aparecen nos miolos porque si, supoño) un rei dos típicos de conto, gordecho, barbudo e moi bo ao que quixen chamar Bogardo. Dinlle voltas á historia, pero na miña mente Bogardo era tan bo, que non lle pasaba nada interesante. O interesante, pensei, podería estar arredor del. Tantas voltas lle din que o meu contiño quixo ser libro: inventeille a familia enteira e púxeno nunha terra imaxinaria (parecida á nosa en moitas cousas, pero imaxinaria nunha morea de aspectos), sufrindo por mor dun legado familiar. Con moitos dos personaxes finais en mente, pareceume máis interesante que a aventura a vivisen unhas rapazas que así poden demostrar a súa valía. Gústame que as una o destino e gústame velas medrar como persoas. Os adultos son máis aburridos para algunhas cousas...
En fin, pasei moitos anos engadindo cousas, cambiándoas e quitándoas ata dar co que agora son As Crónicas de Landereina. Sempre me custara escribir cousas máis longas ca un relato de poucas páxinas, así que pasei moito tempo a perfilar que quería contar. Iso si, tardei anos porque fixen moitas máis cousas, non porque se tarde tanto tempo en escribir un libro!  

2.- Por que usaches seres fantásticos para esta historia?

Moitas das eleccións que se fan escribindo e inventando unha historia non teñen un motivo concreto que se recorde. Se me paro a pensalo, moito tivo que ver con que me gustan as historias de fantasía (todas as ficcións, case, a dicir verdade) e coas miñas lecturas do momento, ou coas películas e series que poñían daquela.
De sempre, gustoume moito a mitoloxía, especialmente a nórdica e a celta, e certos seres fantásticos proceden delas. Por outra banda, penso que son moi interesantes e que engadir monstros e criaturas fantásticas dá moito xogo. É unha crueza moi distinta á da realidade pero coido que un bo reflexo. 

3.- Como se che ocorreron eses nomes tan complexos?

Poido resumilo dicindo que son un pouco "friki"... Gústanme moito os idiomas e procurar palabras raras, a etimoloxía das palabras e dos nomes de persoas, e inventar cousas. Se xuntas todo iso, saen unhas cantas tardes moi divertidas poñendo nomes raros. 
Algúns nomes son reais: Berenguela, Güenaela (adaptado do bretón, Gwennaëlle), Alfhildr (é un nome nórdico antigo), Bjarne (diminutivo antigo de Björn, que significa "oso"), etc.
O resto son inventados, algúns baseándome en nomes reais, xuntando varias ideas de nomes e cambiándoos para que soen ben (ou mal, según apeteza), outros collendo unha característica do personaxe e buscando esa palabra noutros idiomas, para logo darlle algunha volta e adaptala... Por exemplo, os nomes dos centauros veñen da cor da súa pelaxe. Busquei a cor en varios idiomas nun tradutor e logo adaptei a palabra. "Ciemny" é escuro en polaco. A día de hoxe, non lembro de onde saíron moitos deles: unha vez que collen forma e imaxinas á personaxe con el, é difícil deixar de velo como un nome de verdade.
Ah! E Sirvian vén do nome dunha aldea de Pontevedra. Nunca estiven, pero o autobús Vigo-Lugo pasa por un cruce no que pon Sirvian nun sinal.
Botade un ollo en behindthename.com e veredes que hai nomes reais xa abondo complexos de seu! 

4.- En quen te inspiraches para crear a Berenguela e a Guenaela? E... cómo é fisicamente Berenguela?

Inevitablemente, inspireime en xente que coñezo, supoño.
Berenguela, na miña cabeza, é unha rapaza tirando a normaliña, nunha primeira ollada. Gústame que non chame a atención. Non é moi alta, nin moi baixa, nin delgada, nin gordiña. Ten o pelo castaño claro, máis ben liso, os ollos verdes (pero dun verde pouco brillante, que ás veces un non sabe se son grises, verdes, ou escuros... e aquí baseime nos meus, que son verdes pero ninguén se dá conta), e a pel tirando a clara. O que máis me gusta dela é que xesticula moito e é moi expresiva, ademais, le ben á xente e ten moita empatía.
Güenaela leva moitas cousas inspiradas na miña irmá, aínda que no carácter non se parecen en nada. Pero si leva os cabelos lacios e claros, os ollos dun azul moi claro e intenso e a figura moi finiña. É máis alta ca a miña irmá, porque me gusta que sexa unha figura desgarbada á vez que é áxil, de apariencia fráxil pero moi forte.

5.-Tiveches que facer algún borrador?

He, he, algún? Uns cantos! Tomei notas á man, escribín no ordenador, corrixín en papel, corrixín na pantalla... Hai que revisar moitas veces: ler por partes para ver se están ben, lelo todo xunto varias veces para ver o conxunto, buscar grallas, buscar faltas, erros de sentido... Hai moitas versións previas antes da final. Para min, ademais, é moi importante dividir a historia e ir repasando cada certo tempo e tamén tomar notas lonxe do ordenador, darlle voltas ás cousas antes de sentar e tomalas como referencia para seguir escribindo.
Nesta entrada do blog podedes ver parte da papelada coa que acabei (e unha ilustración que fixo un amigo meu de como imaxino a Güenaela).

6.- Por que hai dúas liñas de tempo e non unha? Non sería máis sinxelo se só fora unha?

Sería, si, pero resultaría moi aburrido contar a historia de xeito lineal. 
De feito, a historia cóntase en diferentes tempos porque existe un paralelismo en certas cousas entre o que aconteceu no pasado e o que está a acontecer: un descubrimento, unha viaxe, unha batalla... Se se contase de maneira lineal, non habería ningunha sorpresa!

7.- Como se che ocorreu a xeografía da historia?

Como ben se lle ve, a cabra tira ao monte: mirando os nosos montes e rías en Galicia. Aínda que vivo en Vigo, eu son de Cervo (Lugo), e cando vou visitar a meus pais atraveso case toda Galicia. É difícil non inspirarse vendo vilas, montes e costas de aquí. Ademais, en Cervo, imos pola beira do río pasear á cadela e aí é inevitable imaxinar ás rapazas camiñando...



E vós, tedes algunha pregunta?
Lémonos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que te contas?